Curso de iniciación á apicultura en Amoeiro (Ourense)

Publicidade
Data inicio: 2015/04/17
Data fin: 19/04/2015
Lugar: Trasalba, Ourense, España

Os días 17, 18 e 19 de abril a Asociación Galega de Apicultura organiza un curso de iniciación á apicultura na Fundación Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro – Ourense), dentro do programa de formación que AGA está levando a cabo durante esta primavera por toda Galicia.

Para ter éxito no cultivo das abellas hai que formarse previamente. A pretensión destes cursos é formar novos abelleiros e abelleiras e tamén refrescar a adaptar os coñecementos dos abelleiros e abelleiras veteranas a unha actividade que está sufrindo un proceso de cambios acelerados.

Na provincia de Ourense a apicultura ofrece moitas posibilidades coma unha actividade multifuncional. A variada vexetación dos seus grandes espazos naturais, fan desta zona un lugar privilexiado para a práctica apícola. Na actualidade, a provincia de Ourense conta con cerca de 900 apicultores, dos cales 125 están na comarca de Ourense cunhas 2.500 colmeas e unha produción estimada en 65.000 quilos de mel ano, que se pode incrementar xa que temos moitos consumidores comarcais ávidos de consumir estes extraordinarios produtos das abellas.

O contido do curso inclúe unha parte teórica, na que se falará sobre a bioloxía e comportamento das abellas, os factores principais a ter en conta para preparar o asentamento do apiario e sobre sanidade apícola, explicando cales son as principais doenzas e que podemos facer para combatelas. Unha vez que temos instaladas as colmeas e posuímos as nocións básicas para o seu manexo, pasaremos á produción, cales son e cómo se obteñen os variados produtos das abellas: o mel, o pole, o própole e a cera. E non esqueceremos un aspecto importante á hora de planificar o comezo dunha actividade produtiva, a comercialización dos produtos que obtemos. A parte práctica será fundamental para asentar os novos coñecementos, polo que faremos unha visita a un apiario da comarca e se amosará como se manexan as colmeas para familiarizarse coas abellas.

No programa do curso está incluída a participación nun día de campo con prácticas en colmeas, que faremos no mes de xullo en Covas, no concello de Taboada en Lugo. Alí visitaremos unha explotación apícola incluída nun proxecto de recuperación do rural que están levando a cabo uns socios de AGA. Esta actividade ten tamén como obxecto ofrecer exemplos de posibles alternativas para a xente que está pensando comezar algún proxecto no rural.

Para socios e socias de AGA o curso é gratuito e para as pesoas non socias terá un custe de 50 €. Para inscribirse poñerse en contacto con AGA nos teléfonos 981 508 142 / 981 589 534 ou por email a [email protected]. O programa completo do curso en www.apiculturagalega.es.

Mais información:

Xesús Asorey – Secretario Técnico de AGA
Tel. 630 069 635
Email: [email protected]

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *