Data inicio: 10/04/2015
Data fin: 12/04/2015
Lugar: Valadares, Pontevedra, Spain
Os días 10, 11 e 12 de abril a Asociación Galega de Apicultura organiza un curso de iniciación á apicultura na Casa dos Montes de Valadares en Vigo, dentro do programa de formación que AGA levará a cabo durante esta primavera por toda Galicia.
Para ter éxito no cultivo das abellas hai que formarse previamente, a pretensión destes cursos é formar novos abelleiros e abelleiras e tamén refrescar a adaptar os coñecementos dos abelleiros e abelleiras veteranas a unha actividade que está sufrindo un proceso de cambios acelerados.
A produción de mel na comarca de Vigo pode medrar
Na comarca de Vigo a apicultura ofrece moitas posibilidades coma unha actividade multifuncional. Na actualidade hai máis de 120 apicultores cunhas 2.000 colmeas e cunha produción estimada en 50.000 quilos de mel ano que se pode incrementar xa que temos moitos consumidores comarcais ávidos de consumir estes extraordinarios produtos das abellas.
Contidos do curso
O contido dos cursos inclúe unha parte teórica, na que se falará sobre a bioloxía e comportamento das abellas, os factores principais a ter en conta para preparar o asentamento do apiario e sobre sanidade apícola, explicando cales son as principais doenzas e que podemos facer para combatelas. Unha vez que temos instaladas as colmeas e posuímos as nocións básicas para o seu manexo, pasaremos á produción, cales son e cómo se obteñen os variados produtos das abellas: o mel, o pole, o própole e a cera. E non esqueceremos un aspecto importante á hora de planificar o comezo dunha actividade produtiva, a comercialización dos produtos que obtemos. A parte práctica será fundamental para asentar os novos coñecementos, polo que faremos unha visita a un apiario da comarca e se amosará como se manexan as colmeas para familiarizarse coas abellas.
No programa do curso está incluída a participación nun día de campo con prácticas en colmeas, que faremos no mes de xullo en Covas, no concello de Taboada en Lugo. Alí visitaremos unha explotación apícola incluída nun proxecto de recuperación do rural que están levando a cabo uns socios de AGA. Esta actividade ten tamén como obxecto ofrecer exemplos de posibles alternativas para a xente que está pensando comezar algún proxecto no rural.
Para socios e socias de AGA o curso é gratuito e para as pesoas non socias terá un custe de 50 €. Para inscribirse poñerse en contacto con AGA nos teléfonos 981 508 142 / 981 589 534 ou por email a [email protected]. O programa completo do curso en www.apiculturagalega.es.
Español





Control OJD