Con 70.000 hectáreas de millo forraxeiro labradas, Galicia concentra máis da metade da produción estatal deste cultivo básico a día de hoxe nas explotacións leiteiras e que axuda á súa autosuficiencia en momentos de prezos altos das materias primas como os actuais.
Lograr variedades cada vez máis produtivas e dixestibles que manteñan a calidade sanitaria e o stay green da planta até o momento de colleitala para metela no silo son aspectos clave para mellorar a rendibilidade do cultivo tanto nas terras, en toneladas de materia seca por hectárea, como posteriormente nas granxas en forma de litros de leite.
Búscase mellorar a rendibilidade do cultivo tanto nas terras, en toneladas de materia seca por hectárea, como posteriormente nas granxas en forma de litros de leite
É o obxectivo das novas variedades das marcas Limagrain (LG) e Mas Seeds comercializadas pola cooperativa Delagro, que aportan I+D+i e mellora xenética a un mercado, o das sementes de millo, en constante evolución coa saída todos os anos de variedades melloradas.
Pero como non todas as fincas son iguais, é importante que as sementes se adapten ás condicións climáticas e edafolóxicas das distintas comarcas galegas. Por iso, en colaboración coma cooperativa Aira, durante esta campaña puxéronse en marcha tres campos de ensaio nos que testar sobre o terreo e en condicións reais o comportamento das variedades que estarán á venda a primavera que vén.
Aira mantén campos de ensaio en Pol, Sarria e Silleda, que os gandeiros puideron visitar
Nestas semanas, coincidindo co momento da colleita, gandeiros das distintas zonas tiveron oportunidade de visitar estas fincas piloto para comprobar o comportamento que tiveron as novas plantas, poder comparar as distintas variedades e poder escoller a que mellor se adapte ás súas parcelas de cara ao momento da vindeira sementeira.
Variedades comerciais e experimentais
Segundo explica Mariluz Basanta, da cooperativa Aira, «os millos hai que velos en campo e é importante que os gandeiros poidan facelo en parcelas coma estas antes de decidir plantalos nas súas fincas, de aí o valor dos campos de ensaio».
Plantáronse distintos ciclos, desde o 200 a 500, cun rendemento medio de máis de 50.000 quilos por hectárea
Na finca de Sarria foron testadas unha vintena de variedades, algunhas delas experimentais e outras que xa se comercializan, das compañías LG e Mas Seeds. A parcela foi plantada o 24 de maio con 84.000 plantas por hectárea e ciclos que foron desde o 200 ao 500 longo, cun rendemento medio no momento da recollida de máis de 50.000 quilos por hectárea. A finca foi abonada con 60 metros cúbicos de purín e 250 kg/ha de Amidas de Yara, sulfatada en preemerxencia e repasada en postemerxencia.
Que mirar a unha planta de millo?
Rafael Peláez, da empresa de sementes Limagrain (LG), asegura que «o máis importante á hora de plantar millo é acertar co ciclo que vai ben na zona e na finca». «Esa é a decisión máis importante que debe tomar o gandeiro», remarca. Coas condicións climatolóxicas deste ano, as variedades que mellor rendemento deron no campo de ensaio de Sarria foron as variedades 400, xa que as de ciclo 500 floreceron antes de tempo acurtando o ciclo, polo que non demostraron todo o seu potencial produtivo.
Debemos ter en conta aspectos de produción, dixestibilidade e sanidade da planta no seu conxunto
Un segundo aspecto que debe buscar o gandeiro e seleccionar sempre aquelas variedades que aporten máis dixestibilidade, é dicir, «máis litros de leite», destaca Rafael, polo que ademais das características de produción (quilos por hectárea e porcentaxe de amidón), hai que ter en conta tamén a sanidade da planta e a resistencia a enfermidades, recomenda.
Unha diferenza de corte de 15 centímetros equivale a 5.000 quilos máis ou menos de produción por hectárea
«Canto máis verde chegue a planta ao momento de colleitala mellor, porque é un indicativo de máis dixestibilidade, Por iso é importante a calidade da planta enteira, non só da espiga, porque para silo imos colleitala toda e o stay green vainos determinar precisamente a altura de corte, que é un aspecto importante á hora de maximizar a produción, porque canto máis abaixo podamos cortar máis rendemento imos obter, pois unha diferenza de corte de 15 centímetros máis alto ou máis baixo equivale a 5.000 quilos máis de forraxe por hectárea», compara.
Variedades exclusivas de Delagro
Delagro comercializa en exclusiva para as súas cooperativas socias unha serie de variedades de millo que son o resultado dun traballo de I+D+i constante, segundo explica Alonso López. «Hai uns anos empezamos a traballar con compañías de sementes como LG unha estratexia de exclusividade de variedades de última xeración que está a dar bos resultados, porque escollemos aquelas que mellor se adaptan ás distintas zonas para que os socios das cooperativas de Delagro poidan ter total confianza nelas», indica.
Hoxe as variedades de millo son algo moi vivo e no que se segue a investigar ano a ano, detrás veñen novas variedades melloradas
Entre elas están a variedade 31.388 de LG, que é un ciclo 300 medio con gran vitrio e que para os mesmos quilos de produción ten máis amidón e con moi boa dixestibilidade (supera o 80% as 7 horas). «É unha variedade con bo porte e boa arquitectura de planta, que produce moita forraxe cara arriba e forraxe de calidade», destaca.
Tamén é exclusiva de Delagro a variedade Bowen, unha referencia en ciclo 400 que é o terceiro ano que se atopa no catálogo de LG e que é unha planta que aporta moitísima forraxe debido ás súas follas anchas e longas. É unha variedade destacada nas probas que anualmente realiza o Serida en Asturias, cuns resultados de dixestibilidade sobre a materia orgánica, é dicir, dixestibilidade total da planta, do 76%, e unha dixestibilidade do amidón ás 7 horas por enriba do 82%. «Isto implica moita máis materia seca aproveitable pola vaca para transformar en leite», asegura Alonso.
Hydraneo, maior resistencia xenética á seca
A compañía de sementes Limagrain (LG) é unha cooperativa formada nos anos 60 por 11 agricultores franceses que producían semente de millo. Hoxe é unha multinacional ten presenza en case todo o mundo con todo tipo de cultivos, pero o seu foco de atención segue estando posto no millo, o seu xerme, con dúas liñas de traballo diferenciadas: millo para gran e millo para silo.
Froito do traballo de investigación que realiza a empresa, dispón dunha serie de variedades, denominadas Hydraneo, que son máis resistentes á seca por característica xenética, segundo explica Rafael Peláez. Neste grupo estarían as variedades 31.388 (ciclo 300) e 30.500 (ciclo 500). «Son variedades seguras, que sempre responden, aínda que a finca sexa seca ou veña un ano de poucas precipitacións onde as plantas acusan o estrés hídrico. Nestes casos as variedades Hydraneo son capaces de manter unha boa produción e, sobre todo, unha produción de calidade debido a súa maior tolerancia xenética fronte á sequía», detalla.
Son variedades seguras, que sempre responden, aínda que a finca sexa seca ou veña un ano de poucas precipitacións
Esa é unha das diferenzas, por exemplo da variedade 30.500 con respecto á 31.558, que tamén é un ciclo 500 pero é unha planta máis delicada. «É unha variedade moi boa en fincas boas, con boa profundidade, onde dá resultados impresionantes, e en anos climatoloxicamente favorables, porque non lle gusta pasar sede nin fame», recoñece Rafael. Por iso esta variedade funciona moi ben co abono starter (Star cover).
Calidade de silo
Probouse tamén a variedade 30.369, un ciclo 300 medio que é a día de hoxe unha referencia en calidade de silo, con moi boa resistencia a enfermidades foliares como o Helminthosporium, que provoca problemas sanitarios en zonas de costa. Trátase dunha variedade de menor porte (a altura nas plantas de millo mídese sempre até a última folla) pero máis tupida e cunha mazorca moi ben rematada que produce os mesmo rendemento de forraxe en quilos por hectárea que outras variedades máis altas.
A variedade 30.369 destaca pola calidade sanitaria e a resistencia a enfermidades e a 30.444 está recomendada para racións necesitadas de contido enerxético
É o caso da variedade 30.444, un ciclo 400 que ten precisamente no seu alto porte unha das súas características destacadas, con inserción da mazorca tamén elevada e que destaca polo seu gran dentado longo e o seu pouco carozo, cun gran contido en amidón moi dixestible, o que fai que esta variedade estea recomendada para racións necesitadas de contido enerxético. Outra das vantaxes da variedade 30.444 é a súa maduración máis rápida da espiga debido a que as follas da mazorca non a pechan por completo.
Novas variedades
No campo de ensaio de Sarria, situado na parroquia de Louseiro, probáronse tamén millos da marca Mas Seeds, en concreto nove variedades tanto comerciais como de carácter experimental, como a Mas 59.K, que destaca pola súa altura e por manterse moi ben até o momento do corte; ou a Mas 52.P en ciclo 500.
En ciclo longo tamén se sementou a Madiran, unha das referencias de Mas Seeds en Galicia, onde moitos gandeiros confían nesta variedade pola súa alta produción e o seu excelente stay green.
A variedade Mas 48.L tolera moi ben o estrés hídrico en condicións extremas e a Mas 300.B aguanta moi ben o encamado
De ciclo 400 probouse a Mas 53.R, unha variedade moi rústica que se dá moi ben en todo tipo de fincas, e en ciclo 350 botáronse dúas variedades adaptadas á seca: a Mas 48.L, un millo máis baixo e máis compacto que tolera moi ben o estrés hídrico en condicións extremas, e a Mas 40.F, que se mantén moi ben ate o final en ausencia de precipitacións.
De ciclo 300 botouse por primeira vez este ano a Mas 440.D, cunha colocación da espiga máis baixa por se vén un temporal de outono antes de colleitala e grande dixestibilidade, e a Mas 300.B, que aguanta moi ben o encamado. Finalmente, en ciclo curto 240 botouse a Mas 24.G, con moi boa dixestibilidade e tolerancia a enfermidades como o Helminthosporium ou o fusarium.